Directorio, Web corporativa
2026

GÁLIX. Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil

Unha migración masiva para converter anos de contido desordenado nunha biblioteca dixital rápida e consultable, con libros, persoas, eventos, recensións, publicacións e recursos ben estruturados.
Pasa o rato para percorrer a páxina
https://galix.gal
Captura da web de Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil en escritorio
Captura da web de Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil en móbil
Negocio / proxecto

Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil

Idioma

Galego

Tecnoloxía

WordPress con contidos dinámicos

Máis sobre o proxecto

GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, levaba anos xerando e recompilando contido arredor da literatura infantil e xuvenil galega.

O problema era que todo ese patrimonio dixital vivía nun blog de Blogger.

Miles de entradas mesturadas no mesmo caixón: máis de mil libros, novas, eventos, recensións, publicacións, podcasts, recursos externos, fotografías e información sobre as persoas que forman parte da asociación. Había moito contido de valor, pero pouca estrutura para atopalo, relacionalo ou mostralo como merecía.

O traballo consistiu en migrar masivamente toda esa información e reconstruíla en WordPress como contidos independentes, clasificados e conectados entre si. Onde antes había unha sucesión de entradas, agora hai unha biblioteca que se pode explorar, unha comunidade con perfís propios, unha axenda, unha galería e diferentes arquivos preparados para ordenar e filtrar anos de actividade.

Inclúo este proxecto porque representa moi ben unha parte do meu traballo que case nunca se aprecia nunha captura de pantalla: coller unha enorme cantidade de información desordenada, entender que é cada cousa e construír unha estrutura que permita consultala sen perderse.

E, de paso, facer que unha web con máis contido funcione máis rápido ca anterior.

«Traballar con Anxo supuxo dar un salto cualitativo na presenza dixital da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX). O proxecto non só implicaba crear unha web nova, cunha estética claramente renovada e actual, senón reorganizar, conservar e, sobre todo, facer accesíbel un volume de información moi amplo, acumulado durante anos na vella web da asociación.

Daquela, houbo que migrar centos de datos de Blogger a unha estrutura moderna e completamente nova. Ao longo de todo o proceso demostrou unha gran capacidade técnica e unha plena disposición para entender as necesidades que tiñamos desde GÁLIX.

O resultado foi claramente satisfactorio. Hoxe temos unha web atractiva, organizada, funcional e coa meirande parte dos contidos que precisabamos conservar. Unha web lista para seguir medrando. Por iso, está claro que recomendaríamos traballar con el pola súa profesionalidade e compromiso co bo traballo».

Foto de Miguel García Fernández
Miguel García-Fernández

Presidencia de GÁLIX

— Tes un proxecto similar?

O teu negocio pode ser o seguinte en saír no portfolio

Cóntame o que necesitas e vemos se podemos encaixar