— Anxo Sánchez, deseñador web en lugo
Son Anxo Sánchez e fago webs que poñen en orde o teu negocio
Fago páxinas web en WordPress para negocios que necesitan explicar mellor o que fan, transmitir máis confianza e converter Internet nunha canle real de oportunidades.
Non empecei facendo webs porque me apaixonase cambiar botóns de cor.
Empecei porque vin que moitos negocios bos tiñan unha presenza dixital que non estaba á altura do seu traballo.
- Webs confusas.
- Textos que non dicían nada.
- Deseños que parecían feitos por compromiso.
- E negocios que, sendo profesionais, daban sensación de improvisación.
A miña función é xusto a contraria: pór orde, dar criterio e construír unha web que axude a que o teu negocio se entenda mellor.
- Non traballo como unha axencia grande.
- Non hai comerciais.
- Non hai capas raras.
- Non hai unha persoa que che promete unha cousa e outra que logo executa sen contexto.
Falas comigo. Traballas comigo. E se algo non está claro, tamén o discutes comigo.
No afastado 2017 uns compañeiros mais eu decidimos crear unha empresa. Así. Da nada. Por probar. A ver que saía. Quedarámonos sen traballo e pareceunos unha boa idea.
Que sabiamos facer? Trangalladas cos computadores e con Internet, porque iso era o que estudaramos e tamén do que traballaramos: mantemento de equipos, redes, páxinas web…
A nosa única preocupación era como nos iamos chamar. Fíxate ti que parvada visto con perspectiva.
Spoiler: saíu mal.
Non sabiamos nada de negocios. Cando digo nada é nada. Nin de márketing, nin de vendas, nin de xestión de clientes. De nada.
Aquilo foi ao tacho nun ano. En 2018 collín impulso e decidín quedar só facendo o que mellor sabía: webs en WordPress. Lancei anxosanchez.com, unha web sinxela, un blog e a miña marca persoal.
Desta volta funcionou. Moi ben.
Comezaron a chegar proxectos, clientes, recomendacións e esa sensación tan perigosa de pensar: “igual agora teño que facer algo máis grande”.
E fíxeno. Ou, polo menos, intenteino.
Así naceu Medra: primeiro como academia en liña para emprendedores e despois como unha marca arredor da formación, o deseño web, a consultoría e o acompañamento.
A idea tiña sentido. Ou iso pensaba eu. Investín tempo, cartos, enerxía e bastante cabeza. Gravei cursos, contratei, preparei materiais, publiquei contidos, fixen entrevistas, probei formatos e tentei construír algo que fose máis grande.
Algunhas cousas funcionaron.
Outras non.
E tamén está ben dicilo.
Non todo proxecto que se abre ten que quedar aberto para sempre. Ás veces hai que ter a humildade de mirar o que fixeches, aceptar o que non encaixa e pechar unha etapa sen facer un drama.
Medra ensinoume moito, pero tamén me deixou claro algo: o que mellor sei facer, o que máis valor lle achega aos meus clientes e o que máis sentido ten para min é traballar preto dos negocios, entender o que necesitan e crear webs que lles axuden a vender mellor.
Así que volvín ao centro.
Á marca persoal.
Ao que nunca falla. Á miña propia voz.
Non porque Medra fose un erro, senón porque ás veces tes que explorar camiños para descubrir cal é o teu.
E eu son así. Bulideiro! Probo cousas, ábroas, póñoas a funcionar e, se deixan de ter sentido, péchoas e sigo. Non me parece un fracaso. Paréceme unha forma bastante honesta de traballar.
Porque unha web, un negocio ou unha marca non son cousas conxeladas. Evolucionan. Cambian. Obrígante a tomar decisións.
E esa experiencia tamén a levo aos proxectos dos meus clientes.
Non che vou vender unha web como se fose unha peza illada. Vou mirar o negocio, o contexto, o momento no que estás e o que realmente necesitas agora.
A miúdo, será unha web nova.
Ás veces, será ordenar o que xa tes.
E, de cando e vez, será dicirche que a túa idea aínda non está preparada para converterse nun proxecto serio.
Iso tamén é traballar con criterio.
A miña proposta resúmese en tres compromisos
- Nacín na Coruña. Crecín, estudei e traballei alí (case) toda a miña vida.
- Estudei na universidade pero non a rematei. Fixen un ciclo superior.
- Agora vivo nunha parroquia rural de Lugo por culpa da miña parella.
- Levo sendo autónomo desde 2018. A mellor decisión da miña vida.
- Teño dous gatos: Deli e Nécora. Deli é o diminutivo de Delicioso.
- Son abonado e seareiro deportivista. Cada 15 días ocupo o meu asento. Lendoirista convencido.
- Gústame camiñar polo monte e estar a rentes do mar.
- Saquei o carnet tarde, mais gústame coller o coche. En Twitter cancelaríanme por cochista.
- Fun a aulas de acordeón. Deixeino polo traballo. Mala decisión.
- Son de bo dente! Coido que comer é o maior pracer do ser humano.
- Son galegofalante desde os 16 anos. Antes chamábame Ángel. Isto non o sabe moita xente.