O Instituto Clara Corbelhe de Estudos Críticos Galegos é un espazo de investigación, publicación e formación arredor do pensamento crítico sobre a sociedade galega. O proxecto reúne artigos dixitais, unha revista monográfica, libros, anuarios, xornadas de estudo e contidos de actualidade.
A web xa existía, pero necesitaba algo máis fondo ca un cambio de aspecto.
Por unha banda, foi necesaria unha intervención importante para corrixir problemas de seguridade. Pola outra, había que reorganizar unha gran cantidade de información que medrara sen unha estrutura preparada para facelo: publicacións tratadas como páxinas independentes, contidos difíciles de relacionar e recursos que non sempre aparecían onde correspondía.
O traballo consistiu en redeseñar a interface seguindo unha identidade deliberadamente editorial, dominada polo branco e negro e próxima á lectura dunha revista impresa, e reconstruír a arquitectura interna. Artigos, revistas, libros, anuarios, formación e actualidade pasaron a funcionar como contidos dinámicos, cada un coa súa estrutura, o seu arquivo e o seu lugar dentro da web. Tamén incorporamos un buscador para recuperar publicacións antigas sen ter que coñecer previamente onde estaban gardadas.
Inclúoa porque amosa un traballo que vai bastante máis alá de cambiar unha portada. Había que asegurar a web, entender anos de contido acumulado e deixala preparada para seguir publicando.


