Fraga dos Mouros é unha proposta de espectáculos e actividades que une circo, teatro, música, malabares, mitoloxía e natureza. O proxecto desenvólvese tanto de maneira itinerante como nun espazo físico situado na serra do Faro, en Chantada, onde o bosque se converte no escenario da experiencia.
A web tiña que explicar esas dúas dimensións sen separalas artificialmente: os espectáculos e obradoiros que poden levarse a centros ou eventos e as actividades que teñen lugar na propia fraga. As cores, as tipografías, as fotografías, os textos e a composición visual traballáronse para transmitir natureza, tradición oral, xogo e escena sen caer nunha estética infantil nin nunha web cultural xenérica.
Encargueime da proposta de identidade visual, da selección de cores e tipografías, do deseño da interface e do desenvolvemento multilingüe en galego e castelán. Inclúoa porque é un bo exemplo de coherencia: unha web na que forma e contido reman na mesma dirección, atractiva sen ser recargada e optimizada sen renunciar á personalidade.


