Equal Leadership é un proxecto europeo orientado a promover unha representación máis equilibrada de mulleres e homes nos espazos de decisión política e económica. Nel participan universidades, fundacións e entidades de varios países da Unión Europea, coordinadas pola Universidade Católica Portuguesa.
A web debía presentar unha iniciativa complexa de maneira clara e cumprir cos requisitos habituais dun proxecto financiado pola Unión Europea. A estrutura organiza os obxectivos, as entidades participantes, as actividades e os resultados xerados, ademais dunha sección de novas para documentar encontros, conferencias e avances do programa.
Encargueime do deseño e desenvolvemento dunha web corporativa sinxela, preparada para incorporar contidos e adaptada á identidade e aos estándares de comunicación do proxecto. Inclúoa porque representa ben un tipo de traballo no que o máis importante non é sorprender coa interface, senón ordenar información institucional, dar visibilidade ao consorcio e facilitar que recursos e resultados europeos poidan consultarse desde un único lugar.

