Léocho? naceu como a primeira editorial especializada en audiolibros en lingua galega. A web presenta o proxecto, reúne o catálogo da editora e permite descubrir obras clásicas da literatura galega nun formato pensado para escoitar desde calquera dispositivo.
A estrutura é sinxela porque o proceso tamén debía selo.
Cada audiolibro conta coa súa propia ficha, con descrición, duración, intérprete, ISBN e unha mostra de audio antes da compra. A persoa usuaria pode mercalo mediante unha pasarela de pagamento, descargar o arquivo en formato MP3 e conservalo na súa conta para acceder a el posteriormente.
Encargueime do deseño e desenvolvemento da web e da tenda en liña, construíndo unha interface visualmente atractiva, con movemento e personalidade, pero rápida e clara á hora de chegar ao importante: escoller un libro, mercalo e escoitalo.
Inclúoa porque foi un proxecto pioneiro nun sector practicamente inexistente en galego. A tecnoloxía aquí non necesitaba complicar a experiencia, senón facer viable algo moi concreto: que a literatura galega tamén puidese mercarse, descargarse e escoitarse con normalidade.


