UDCientíficas é un directorio de investigadoras, expertas e especialistas vinculadas á Universidade da Coruña. O proxecto, impulsado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas, a UDC e o Concello da Coruña, busca facer visible o talento feminino en ámbitos nos que as voces expertas seguen aparecendo menos do que deberían.
A plataforma organiza os perfís por ramas, áreas de coñecemento, especialidades, campus e liñas de investigación. Cada investigadora conta cunha ficha propia con información profesional, datos de contacto, redes e campos adaptados á súa actividade. Un sistema de busca avanzada permite localizar rapidamente especialistas en temas concretos, desde química ou enxeñaría ata educación, saúde, economía ou humanidades.
Encargueime do desenvolvemento completo do directorio en WordPress: estrutura dos perfís, campos dinámicos, arquivos, buscadores, filtros e versión bilingüe. Inclúoo porque combina utilidade social e resolución técnica. Non se limita a publicar unha listaxe de nomes: converte centos de perfís académicos nunha base de datos organizada, consultable e preparada para medrar.


