Trébore é un centro especial de emprego da Coruña especializado en deseño gráfico, maquetación, agasallo corporativo e traballos de manipulación. A súa proposta combina creatividade cun compromiso claro coa inclusión laboral, o impacto social e o uso responsable dos materiais.
A web debía explicar esa dobre dimensión.
Por unha banda, presenta os servizos e a forma de traballar do estudo. Pola outra, incorpora un portfolio dinámico no que os proxectos poden organizarse e filtrarse por categorías como identidade visual, deseño, publicacións, folletos ou merchandising. O blog permite completar esa presentación con contidos propios e novidades.
Encargueime do desenvolvemento da web e de trasladar á interface a identidade visual proposta polo equipo, construíndo unha presenza dixital bilingüe que puxese o traballo realizado no centro da comunicación.
Inclúoa porque representa ben unha web corporativa que non necesita artificios nin funcionalidades enormes para ter valor. Necesita explicar con claridade que fai a empresa, ensinar traballos reais e conseguir que a súa personalidade e os seus principios tamén se perciban na pantalla.

