FormArte é unha escola de moda da Coruña orientada á formación de futuros profesionais do deseño. A web presenta o centro, o equipo docente e unha oferta que combina estudos completos de deseño de moda con cursos, seminarios e obradoiros de confección, patronaxe ou ilustración.
A estrutura debía explicar a proposta educativa, pero tamén demostrar o que sucede dentro da escola.
Por iso, o portfolio ocupa un lugar importante: permite mostrar proxectos, coleccións e traballos realizados polo alumnado durante a súa formación. O blog completa esa parte visual con desfiles, colaboracións, visitas, novidades do sector e actividades que conectan a aprendizaxe coa realidade profesional da moda.
Encargueime do deseño e desenvolvemento da web, organizando a información corporativa, os programas formativos, os cursos e os contidos dinámicos dentro dunha estrutura preparada para actualizarse con facilidade.
Inclúoa porque unha escola creativa non pode limitarse a enumerar temarios. A web tamén ten que ensinar o que aprende o alumnado, como traballa e que é capaz de crear antes de saír ao mercado profesional.


