Mur Studio é un estudo de interiorismo que axuda a adaptar vivendas ás novas necesidades e formas de vida das persoas. A web presenta o estudo, a súa maneira de traballar e unha selección de proxectos residenciais nos que o deseño, a funcionalidade e o acompañamento durante a obra teñen un peso central.
Neste caso, o portfolio debía ocupar o primeiro plano.
Os proxectos organízanse por categorías e poden filtrarse para facilitar a consulta. Cada traballo conta cunha ficha propia, unha breve explicación e unha galería extensa con fotografías a gran formato, pensada para apreciar os materiais, a iluminación, a distribución e os detalles sen que a interface compita co espazo fotografado.
Encargueime do desenvolvemento web e da adaptación da interface nun proxecto realizado en colaboración con Sara, de Nanuc Design. O resultado é unha web limpa e visual, na que a navegación e as composicións están ao servizo das imaxes.
Inclúoa porque nun estudo de interiorismo o portfolio non é unha sección máis. É o principal argumento comercial. A web tiña que ordenar os proxectos, darlles contexto e permitir que cada espazo se mostrase coa amplitude que necesitaba.

