— Aquí cóntoche quen son
Levo máis de oito anos resolvendo problemas na web
Deseño, desenvolvo e manteño webs para autónomos, profesionais e pequenos negocios que necesitan vender mellor en Internet. Con atención directa, criterio e sen equipos opacos.
DESEÑO WEB · EN GALEGO · EMPRENDEMENTO · ATENCIÓN PREMIUM · DESDE 2018 ·
Anxo Sánchez

— Anxo Sánchez, deseñador web en lugo

Son Anxo Sánchez e fago webs que poñen en orde o teu negocio

Fago páxinas web en WordPress para negocios que necesitan explicar mellor o que fan, transmitir máis confianza e converter Internet nunha canle real de oportunidades.

Non empecei facendo webs porque me apaixonase cambiar botóns de cor.

Empecei porque vin que moitos negocios bos tiñan unha presenza dixital que non estaba á altura do seu traballo.

  • Webs confusas.
  • Textos que non dicían nada.
  • Deseños que parecían feitos por compromiso.
  • E negocios que, sendo profesionais, daban sensación de improvisación.

A miña función é xusto a contraria: pór orde, dar criterio e construír unha web que axude a que o teu negocio se entenda mellor.

  • Non traballo como unha axencia grande.
  • Non hai comerciais.
  • Non hai capas raras.
  • Non hai unha persoa que che promete unha cousa e outra que logo executa sen contexto.

Falas comigo. Traballas comigo. E se algo non está claro, tamén o discutes comigo.

— De empresa fallida a marca persoal
Non cheguei ata aquí seguindo un plan perfecto. Máis ben fun aprendendo, abrindo portas e pechando algunhas a tempo

No afastado 2017 uns compañeiros mais eu decidimos crear unha empresa. Así. Da nada. Por probar. A ver que saía. Quedarámonos sen traballo e pareceunos unha boa idea.

Que sabiamos facer? Trangalladas cos computadores e con Internet, porque iso era o que estudaramos e tamén do que traballaramos: mantemento de equipos, redes, páxinas web…

A nosa única preocupación era como nos iamos chamar. Fíxate ti que parvada visto con perspectiva.

Spoiler: saíu mal.

Non sabiamos nada de negocios. Cando digo nada é nada. Nin de márketing, nin de vendas, nin de xestión de clientes. De nada.

Aquilo foi ao tacho nun ano. En 2018 collín impulso e decidín quedar só facendo o que mellor sabía: webs en WordPress. Lancei anxosanchez.com, unha web sinxela, un blog e a miña marca persoal.

Desta volta funcionou. Moi ben.

Comezaron a chegar proxectos, clientes, recomendacións e esa sensación tan perigosa de pensar: “igual agora teño que facer algo máis grande”.

E fíxeno. Ou, polo menos, intenteino.

Así naceu Medra: primeiro como academia en liña para emprendedores e despois como unha marca arredor da formación, o deseño web, a consultoría e o acompañamento.

A idea tiña sentido. Ou iso pensaba eu. Investín tempo, cartos, enerxía e bastante cabeza. Gravei cursos, contratei, preparei materiais, publiquei contidos, fixen entrevistas, probei formatos e tentei construír algo que fose máis grande.

Algunhas cousas funcionaron.

Outras non.

E tamén está ben dicilo.

Non todo proxecto que se abre ten que quedar aberto para sempre. Ás veces hai que ter a humildade de mirar o que fixeches, aceptar o que non encaixa e pechar unha etapa sen facer un drama.

Medra ensinoume moito, pero tamén me deixou claro algo: o que mellor sei facer, o que máis valor lle achega aos meus clientes e o que máis sentido ten para min é traballar preto dos negocios, entender o que necesitan e crear webs que lles axuden a vender mellor.

Así que volvín ao centro.

Á marca persoal.

Ao que nunca falla. Á miña propia voz.

Non porque Medra fose un erro, senón porque ás veces tes que explorar camiños para descubrir cal é o teu.

E eu son así. Bulideiro! Probo cousas, ábroas, póñoas a funcionar e, se deixan de ter sentido, péchoas e sigo. Non me parece un fracaso. Paréceme unha forma bastante honesta de traballar.

Porque unha web, un negocio ou unha marca non son cousas conxeladas. Evolucionan. Cambian. Obrígante a tomar decisións.

E esa experiencia tamén a levo aos proxectos dos meus clientes.

Non che vou vender unha web como se fose unha peza illada. Vou mirar o negocio, o contexto, o momento no que estás e o que realmente necesitas agora.

A miúdo, será unha web nova.

Ás veces, será ordenar o que xa tes.

E, de cando e vez, será dicirche que a túa idea aínda non está preparada para converterse nun proxecto serio.

Iso tamén é traballar con criterio.

Anxo Sánchez nunha meetup
— Por que aquí e non noutro sitio

A miña proposta resúmese en tres compromisos

Non son slogans. É como traballo. Se algunha vez non se cumpre, dimo e arranxámolo.
[01]
Atención directa premium
Falas comigo de principio a fin. Escoito, pregunto, propoño, executo e respondo. Sen comerciais, sen xestores intermedios e sen subcontratacións opacas.
[02]
Resultados que duran anos
As webs que entrego están pensadas para seguir funcionando despois do lanzamento: estrutura clara, base técnica sólida, velocidade, mantemento e contido útil.
[03]
Honestidade radical
Se o teu proxecto non encaixa comigo, dígocho. Se hai unha opción mellor para ti, tamén. Prefiro perder un proxecto que gañar un cliente que non me necesita.
— Cando fai falta
En ocasións, non traballo só
Cando fai falta, colaboro con profesionais especializados en deseño gráfico, contidos, SEO, publicidade ou fotografía. A diferenza é que non te solto no medio dunha cadea de provedores.
[01]
Deseño gráfico e identidade
[02]
Redacción e copywriting
[03]
Posicionamento web (SEO técnico avanzado)
[04]
Publicidade dixital (SEM, Meta Ads)
[05]
Fotografía profesional
Anxo Sánchez
— Xa que chegaches ata aquí
Un poquiño de rexoubeo, agora que non nos ve ninguén
O resto da páxina é seria. Esta parte non tanto. Once cousas sobre min que probablemente non precisabas saber, pero que aquí están.
— Agora xa sabes quen son

Se cres que encaixamos, falemos da túa web

Se buscas unha web feita con criterio, atención directa e unha visión clara de negocio, cóntame que tes entre mans. Se podo axudarche, direicho. Se non, tamén.