As Curuxas é unha academia de Allariz especializada no ámbito científico, con clases de reforzo en grupos reducidos, atención individual, obradoiros temáticos e campamentos durante as vacacións escolares. A web foi a súa primeira presenza dixital e debía explicar tanto a parte educativa como a de lecer.
A interface adaptouse a un proxecto no que as familias toman a decisión, pero as crianzas e a mocidade son as verdadeiras protagonistas. Por iso, o deseño combina unha comunicación clara para as persoas adultas cunha identidade visual máis próxima, educativa e dinámica. A web tamén presenta o equipo, recolle opinións de familias e incorpora un blog con actividades, recursos e contidos divulgativos.
Pero non todo queda na parte pública.
Desenvolvín tamén un campus virtual protexido mediante usuario e contrasinal. Este espazo permite que familias e alumnado accedan a materiais, exercicios e documentación relacionada coas clases sen depender de envíos dispersos por correo ou mensaxería.
Inclúoa porque representa ben unha web corporativa que resolve dúas necesidades á vez: explicar os servizos e servir como ferramenta de apoio no día a día. Unha presenza dixital pensada para atraer novas familias, pero tamén para atender mellor a quen xa forma parte da academia.


