Alba Cerezo é dietista-nutricionista e traballa en nutrición clínica desde Vigo, tanto en consulta presencial como en liña. A web debía presentar os seus servizos, explicar a súa maneira de acompañar ás persoas e facilitar o contacto sen promesas milagre nin mensaxes grandilocuentes.
Non facía falla montar unha plataforma complexa.
Facía falla unha web clara, profesional e coherente coa súa filosofía: poñer orde na alimentación sen culpa, sen présa e sen vender solucións máxicas. Revisamos a paleta corporativa, propuxemos unha combinación tipográfica e construímos unha interface sinxela que lle permitise transmitir confianza desde o primeiro contacto.
Encargueime do deseño e desenvolvemento da web, pero tamén de traballar a base que non se ve: estudo de palabras clave, estrutura dos contidos, SEO na páxina, rendemento e aspectos técnicos. Inclúoa porque representa ben un tipo de proxecto moi habitual: unha profesional que necesita comezar en Internet cunha web pequena, pero non cunha web improvisada.


