Atípico Circo é unha iniciativa de Vigo que emprega o circo como espazo de xogo, aprendizaxe e encontro. Ofrece actividades inclusivas para persoas de todas as idades, desde clases e aniversarios ata obradoiros para centros educativos, familias e eventos.
A web debía transmitir esa forma diferente de entender o circo sen converter toda a oferta nunha mestura difícil de comprender.
Por iso, cada público dispón do seu propio apartado, cunha mensaxe e unhas actividades adaptadas ás súas necesidades. A interface mantén a identidade visual do proxecto e trasládaa á pantalla mediante fotografías, iconas e recursos gráficos vinculados ao mundo do circo, sen perder claridade na navegación. A web tamén incorpora unha axenda de próximas actividades e un espazo de actualidade que o propio equipo pode manter ao día.
Encargueime da proposta de interface e do desenvolvemento web. Inclúoa porque representa ben unha web corporativa que non necesitaba grandes complicacións técnicas, senón entender correctamente o negocio, separar a oferta por públicos e construír unha presenza dixital que encaixase coa súa personalidade.


