CODINUGAL é o Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia. A súa web debía cumprir dúas funcións moi distintas: informar á cidadanía e servir como ferramenta de traballo para o Colexio e para as persoas colexiadas.
Na parte pública conviven toda a información corporativa, as novas, as ofertas de emprego, un apartado de empresas e un directorio no que cada profesional pode decidir se quere aparecer. Todo funciona en galego e castelán, cunha estrutura preparada para organizar e relacionar unha gran cantidade de contidos sen que a web se converta nun labirinto.
A parte máis complexa está detrás do inicio de sesión.
Desenvolvín unha intranet na que cada persoa colexiada pode actualizar o seu propio perfil, descargar documentación privada, consultar actas, convenios e ofertas exclusivas ou enviar solicitudes ao Colexio mediante formularios específicos. Procesos que antes podían depender de correos, documentos soltos e xestións manuais pasan a estar centralizados nun único lugar.
Inclúoa porque é un exemplo claro dunha web que non está feita só para ser visitada. Está feita para traballar con ela.
Ademais, manteño unha colaboración continuada con CODINUGAL e un servizo específico para dietistas-nutricionistas que queiran desenvolver ou renovar a súa propia web profesional con condicións especiais.


