Construcciones Guillermo Camesella é unha empresa de construción e reformas con máis de trinta anos de experiencia en Vigo e na súa área metropolitana. A nova web debía actualizar por completo a súa presenza dixital, explicar os servizos para particulares e comunidades e transmitir unha traxectoria que a páxina anterior xa non representaba correctamente.
O proxecto incluíu tamén a migración das entradas do antigo blog, conservando anos de contidos sobre reformas, rehabilitación, eficiencia enerxética e axudas públicas. Non se trataba de estrear unha web a costa de perder todo o publicado anteriormente, senón de trasladalo a unha estrutura máis clara e preparada para seguir medrando.
A parte central é o portfolio de obras. Cada proxecto conta cunha ficha propia, coa súa descrición, localización e unha galería de fotografías que pode organizarse e filtrarse por estancias ou partes da intervención. Isto permite ensinar reformas integrais, rehabilitacións, ampliacións e obra nova con moito máis detalle ca unha simple sucesión de imaxes.
Encargueime do redeseño, do desenvolvemento web, da migración do blog e da nova estrutura do portfolio. Inclúoa porque nunha empresa de construción os proxectos rematados son o argumento comercial máis forte. A web tiña que organizalos e presentalos de maneira que o traballo realizado falase por si mesmo.

