Semente é unha rede asociativa de escolas que ofrece ensino en galego desde unha perspectiva inmersiva, comunitaria e ligada á cultura propia. Actualmente reúne seis centros educativos con alumnado de infantil e primaria, ademais dunha comunidade de familias, profesionais e persoas colaboradoras.
A web tiña que representar toda esa rede sen reducir o proxecto á presentación dos centros.
Organiza unha gran variedade de contidos dinámicos: escolas xeolocalizadas, actividades, axenda, actualidade, ofertas de emprego, opinións de familias, xornadas formativas e materiais para persoas investigadoras. Cada tipo de información conta coa súa propia estrutura, o que permite actualizar a web e facer medrar o proxecto sen acumular páxinas desordenadas.
Encargueime de deseñar e desenvolver esta arquitectura, pero tamén de trasladar á interface o carácter educativo da Semente. A web debía ser clara para as familias, mais sen esquecer que o centro do proxecto son as crianzas. Por iso, as cores, os recursos gráficos e o ritmo visual procuran transmitir aprendizaxe, proximidade e comunidade sen converter a web nun deseño infantilizado.
Inclúoa porque combina dúas dificultades que non sempre aparecen xuntas: ordenar unha cantidade enorme de información e, ao mesmo tempo, conseguir que unha rede educativa con personalidade propia tamén se recoñeza na pantalla.


