Rocha é unha empresa especializada en servizos forestais, movementos de terra e mantemento de infraestruturas, con máis de quince anos de experiencia e capacidade para traballar tanto en España como en Portugal. A web debía presentar a empresa, os seus medios e unha oferta dirixida principalmente aos sectores forestal, agrario e enerxético.
A estrutura organiza servizos moi diferentes: mantemento da vexetación en liñas eléctricas, tratamentos silvícolas, repoboacións forestais, transformacións agrarias, obra civil e intervencións en parques eólicos. Inclúe tamén información específica sobre seguridade, saúde e política empresarial, cuestións especialmente relevantes nunha actividade que traballa con maquinaria pesada e sobre infraestruturas críticas.
Encargueime do deseño e desenvolvemento da web en castelán e portugués. A galería ocupa un lugar importante porque permite mostrar a variedade dos traballos, a maquinaria empregada e a capacidade real da empresa sobre o terreo.
Inclúoa porque representa ben unha web corporativa industrial: clara, directa e sen recursos decorativos innecesarios. Neste tipo de proxectos, a confianza non se constrúe con grandes promesas, senón explicando que se fai e ensinando que xa se fixo.


