A Fundación Ronsel leva 25 anos acompañando persoas emprendedoras e facilitando a inserción sociolaboral en Galicia. A súa web corporativa reúne estas dúas grandes áreas de traballo, presenta os diferentes programas da entidade e mantén un espazo de actualidade no que compartir convocatorias, recursos e coñecemento.
O redeseño coincidiu coa renovación da identidade corporativa polo seu aniversario.
Non se trataba só de cambiar cores e logotipo. Había que trasladar á web unha nova forma de comunicarse: máis humana, máis directa e centrada nas historias das persoas ás que acompañan. A estrutura reorganizouse para separar con claridade emprendemento e emprego, explicar como traballa a fundación e permitir que cada programa teña o seu propio espazo dentro dunha web bilingüe en galego e castelán.
Encargueime de adaptar a nova identidade contratada pola Fundación á interface e de desenvolver a web principal. Pero a colaboración con Fundación Ronsel vai máis alá deste proxecto concreto.
Ao longo dos anos tamén construín webs e páxinas específicas para iniciativas como Galicia Camiño Emprendedor, Programa Merlo ou Retorna Cualifica Emprego, entre outras. A web principal funciona así como o centro dunha presenza dixital máis ampla, capaz de adaptarse a programas con públicos, duracións e obxectivos diferentes.
Inclúoa porque representa unha relación de traballo continuada durante anos na que a web non se entende como unha entrega puntual. É unha infraestrutura que evoluciona coa entidade, coa súa identidade e cos proxectos que vai poñendo en marcha.






