Gaela é unha libraría e papelaría de barrio situada no Agra do Orzán, na Coruña. Ademais de material escolar, artístico e de oficina, ofrece servizos de copistería, encarga libros e resolve pequenas xestións do día a día. A web debía presentar o negocio, pero tamén facer visible a enorme variedade de produtos dispoñibles na tenda.
O principal reto estaba no catálogo.
Un negocio deste tipo traballa con centos de referencias moi diferentes: bolígrafos, libretas, rotuladores, lapis, papeis, accesorios e material escolar ou de oficina. Había que crear unha estrutura que permitise cargar, categorizar e filtrar todos eses produtos sen converter a web nunha tenda en liña convencional. Actualmente, o catálogo reúne centos de referencias e permite buscalas e filtralas por tipo e uso antes de contactar directamente co negocio por WhatsApp.
Encargueime de desenvolver o catálogo e de traballar a arquitectura SEO da web: investigación de palabras clave, estrutura de títulos e redacción orientada a buscas locais relacionadas con papelaría, libraría, material escolar e copistería na Coruña e no propio barrio. Inclúoa porque demostra que dixitalizar un comercio local non significa obrigalo a vender por Internet. Ás veces, o máis útil é axudar a que o atopen, ensinar o que ten e facilitar unha conversa directa.


