Galicia Remota organiza experiencias de coliving e teletraballo no rural galego, neste caso en Carnota. A proposta combina convivencia, traballo remoto e integración no territorio mediante actividades con artesáns, negocios locais, emprendedores e iniciativas culturais ou ambientais.
A web debía explicar unha idea que vai máis alá de reservar unha estadía.
Non se trata só de ir traballar uns días á costa, senón de atraer talento, xerar actividade fóra da tempada alta e crear vínculos reais co lugar. A estrutura presenta o proxecto, explica o seu impacto e permite descubrir cada experiencia cunha comunicación adaptada a públicos de dentro e de fóra de Galicia. Por iso, a web funciona en galego, castelán e inglés.
Desenvolvín a web en colaboración con Javier Boquete, cunha estrutura sinxela e centrada en transmitir ben a experiencia. Inclúoa porque representa un proxecto local cunha ambición clara: empregar Internet e o teletraballo non para afastarse do territorio, senón para achegar novas persoas, actividade económica e posibilidades ao rural galego.


