GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, levaba anos xerando e recompilando contido arredor da literatura infantil e xuvenil galega.
O problema era que todo ese patrimonio dixital vivía nun blog de Blogger.
Miles de entradas mesturadas no mesmo caixón: máis de mil libros, novas, eventos, recensións, publicacións, podcasts, recursos externos, fotografías e información sobre as persoas que forman parte da asociación. Había moito contido de valor, pero pouca estrutura para atopalo, relacionalo ou mostralo como merecía.
O traballo consistiu en migrar masivamente toda esa información e reconstruíla en WordPress como contidos independentes, clasificados e conectados entre si. Onde antes había unha sucesión de entradas, agora hai unha biblioteca que se pode explorar, unha comunidade con perfís propios, unha axenda, unha galería e diferentes arquivos preparados para ordenar e filtrar anos de actividade.
Inclúo este proxecto porque representa moi ben unha parte do meu traballo que case nunca se aprecia nunha captura de pantalla: coller unha enorme cantidade de información desordenada, entender que é cada cousa e construír unha estrutura que permita consultala sen perderse.
E, de paso, facer que unha web con máis contido funcione máis rápido ca anterior.


