O GDR Limia-Arnoia traballa en 25 concellos das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. A súa web reúne información institucional, novas, proxectos propios, iniciativas apoiadas e recursos turísticos vinculados ao territorio.
O primeiro reto non era visual.
Na instalación anterior, unha parte importante dos proxectos estaba introducida directamente dentro do deseño das páxinas. Isto facía que contido e interface estivesen “unidos”: cambiar a web implicaba arriscarse a perder centos de datos. Houbo que localizar, extraer e migrar toda esa información para convertela en contidos independentes, estruturados e reutilizables.
A partir de aí, reconstruín a web cun directorio completo de proxectos, filtros de busca, novas, lugares turísticos e diferentes seccións preparadas para seguir medrando. Tamén adaptei a interface á identidade corporativa e fixen a proposta tipográfica, procurando que unha cantidade moi grande de información resultase comprensible e doada de consultar.
Inclúoa porque explica unha parte pouco visible dun redeseño: antes de cambiar cores ou distribucións, ás veces hai que rescatar a información e inserila de xeito distinto. O resultado non é só unha web nova. É unha base máis ordenada, mantible e segura para todo o contido futuro.
Proxecto en colaboración con Arela Márketing Sostible.


