Mulleres, homes e homiños é unha base de datos sobre persoas represaliadas e represoras durante a Guerra Civil e a ditadura franquista en Galicia, creada por Luís Sánchez Rodríguez co apoio da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Reúne máis dunha década de investigación de Luís Sánchez e preto de 19.000 fichas con información persoal, política, familiar e biográfica.
O reto era converter ese volume enorme de información nunha ferramenta que calquera persoa puidese consultar.
A portada é, deliberadamente, un buscador. Permite localizar persoas por nome, apelidos, lugares, datas ou calquera outro termo presente nas fichas, cruzar datos e refinar os resultados mediante diferentes filtros. Cada rexistro dispón da súa propia estrutura e a base continúa aberta a correccións e novas incorporacións.
Encargueime de deseñar e desenvolver a plataforma, estruturar os datos e optimizar WordPress para realizar buscas rápidas sobre decenas de miles de rexistros. Isto implicou traballar a indexación interna, as consultas á base de datos e unha infraestrutura de aloxamento preparada para soportar tanto o volume actual como o seu crecemento.
Inclúoa porque aquí a interface case desaparece para deixar paso ao importante: atopar información. Unha investigación que en papel ocuparía miles de páxinas convértese nunha base de datos viva, accesible e preparada para relacionar nomes, lugares e historias que doutro xeito seguirían espalladas ou ocultas.


