Directorio, Web corporativa
2024

Nova Escola Galega

Migración dunha web ríxida a unha plataforma editable que organiza publicacións, actividades, galerías e grupos de traballo, con buscadores, filtros e contidos reservados para usuarios.
Pasa o rato para percorrer a páxina
https://neg.gal
Captura da web de Nova Escola Galega en escritorio
Captura da web de Nova Escola Galega en móbil
Negocio / proxecto

Nova Escola Galega

Idioma

Galego

Tecnoloxía

WordPress con contidos dinámicos

Máis sobre o proxecto

Nova Escola Galega é un movemento asociativo que traballa desde 1983 pola renovación pedagóxica e pola galeguización lingüística e curricular do ensino. A web debía presentar a entidade, a súa organización e a súa actividade, pero tamén conservar e facer consultable unha enorme cantidade de coñecemento acumulado durante décadas.

O proxecto partía dunha web programada a medida había máis de dez anos.

Era unha estrutura ríxida, difícil de actualizar e con moi pouca capacidade para adaptarse ás necesidades actuais. O traballo consistiu en migrala a WordPress e reconstruír toda a información como contidos dinámicos: publicacións, actividades, novas, grupos de traballo e galerías históricas, cada un coa súa propia estrutura e preparado para seguir medrando.

A parte máis importante é o repositorio documental. Cada publicación dispón dunha ficha cos seus datos e arquivos descargables, e pode localizarse mediante buscas e filtros. Algunhas publicacións teñen, ademais, acceso restrinxido baixo usuario e contrasinal. As galerías poden ordenarse por ano e categoría, mentres que cada grupo de traballo reúne a súa presentación, actividade e contidos relacionados.

Inclúoa porque non foi un simple redeseño. Había que trasladar anos de actividade desde unha plataforma pechada, ordenar documentación moi diversa e construír unha ferramenta que a propia asociación puidese editar. A web deixou de ser un arquivo difícil de manter para converterse nun repositorio vivo, consultable e preparado para conservar o traballo futuro.

«En Nova Escola Galega precisabamos desenvolver un novo espazo web, xa que a nosa antiga páxina quedara inoperativa por un problema técnico. Tratábase dunha encarga con certa complexidade, xa que cumpría recuperar os contidos do sitio anterior (inaccesible), no que se aloxaba unha enorme cantidade de documentación para a descarga.

Anxo Sánchez foi quen non só de recuperar e sistematizar os contidos daquela antiga web, senón tamén de implementalos nun novo espazo acorde ás nosas necesidades actuais. Foi xenial traballar con el, atendeu as nosas inquedanzas e entendeu desde o primeiro momento o noso plantexamento.

Anxo é cercano, sumamente resolutivo e está sempre disposto a axudar para solventar calquera posible cuestión. En base ao anterior, recomendamos sen dúbida encomendarlle calquera tipo de proxecto web».

Logotipo de Nova Escola Galega
Martina Bañobre

Responsable Secretaría Técnica

— Tes un proxecto similar?

O teu negocio pode ser o seguinte en saír no portfolio

Cóntame o que necesitas e vemos se podemos encaixar