NutriciON Coruña é a web profesional de María Beatriz Fernández, dietista-nutricionista con consulta presencial na Coruña e atención en liña. A súa proposta céntrase na educación nutricional, nos plans personalizados e en aprender a comer mellor sen depender de dietas ríxidas ou solucións idénticas para todo o mundo.
Non é unha web tecnicamente complexa.
O traballo estaba en presentar esa forma de entender a nutrición cunha interface diferente, próxima e fácil de percorrer. A estrutura permite coñecer a profesional, entender como traballa, consultar os servizos e revisar testemuños de pacientes sen sobrecargar a navegación. O blog completa a parte corporativa con receitas e contidos relacionados coa alimentación.
Encargueime do deseño e desenvolvemento dunha web rápida, adaptada a móbiles e coherente coa identidade da marca. Inclúoa porque representa ben unha web corporativa sinxela resolta con criterio: non pretende aparentar máis do que é. Consegue explicar os servizos, transmitir confianza e diferenciar visualmente a profesional fronte a outras consultas de nutrición.


