Pontevedra (d)escrita é un proxecto cultural que reúne obras, autorías, itinerarios e espazos literarios relacionados coa cidade. A plataforma permite descubrir tanto persoas vinculadas con Pontevedra como libros nos que a Boa Vila aparece como escenario, inspiración ou parte da historia.
O proxecto funciona arredor de dúas estruturas conectadas.
Por unha banda, as obras e as autorías dispoñen de fichas propias, con campos e seccións que se adaptan á información dispoñible. Os datos están relacionados entre si: desde a ficha dunha persoa pódense consultar as súas obras e desde cada libro acceder á autoría correspondente. Ademais, os arquivos permiten buscar, filtrar e ordenar os contidos por xéneros, épocas e outras categorías literarias.
Por outra, desenvolvín un mapa interactivo no que se xeolocalizan obras, autorías, itinerarios e espazos da cidade. Cada punto permite descubrir que aconteceu nese lugar, quen viviu alí ou que texto mantén unha relación con el, ademais de filtrar o mapa segundo o tipo de contido que se queira explorar.
Inclúoo porque combina arquivo cultural e cartografía nunha mesma ferramenta. Non se limita a almacenar fichas: relaciona persoas, libros e lugares para transformar unha base de datos literaria nunha maneira nova de ler e percorrer Pontevedra.

