Recuncho Gamer é un proxecto de comunicación sobre videoxogos en galego. Produce vídeos, podcasts e directos, desenvolve o seu propio videoxogo, ofrece servizos profesionais e mantén unha comunidade arredor da cultura gamer feita desde Galicia.
A web debía reunir todo ese universo nun único lugar.
Pero o máis interesante non está á vista.
Desenvolvín un sistema que consulta automaticamente as súas dúas canles de YouTube, detecta os novos vídeos e crea unha ficha dentro da web con título, descrición, miniatura, etiquetas e vídeo inserido. Sen copiar datos. Sen crear entradas a man. Cada publicación queda arquivada, categorizada e dispoñible para consultar directamente desde a web.
Inclúoa porque é un bo exemplo de automatización útil. A web non só presenta Recuncho Gamer e os seus proxectos: tamén reduce traballo repetitivo e constrúe, día a día, un arquivo propio con todo o contido que publican. Unha web que medra ao mesmo ritmo ca eles, sen obrigalos a facer o mesmo traballo dúas veces.


