A Cantina é un restaurante situado no porto de Fisterra, cunha proposta de cociña caseira e produto galego. A parte corporativa da web presenta o negocio cunha interface limpa, directa e rápida, acompañada dun traballo de estrutura e posicionamento local.
Pero o motivo polo que inclúo este proxecto no portfolio non é a portada.
É a carta.
A web funciona como menú dixital do propio restaurante a través dun código QR. A carta está deseñada desde o móbil: navegación por tipos de pratos, acceso rápido mediante áncoras, fotografías a gran tamaño e ingredientes que se poden mostrar ou ocultar sen sobrecargar a pantalla. As galerías foron desenvoltas a medida para anticipar visualmente o prato anterior e o seguinte e conseguir unha navegación máis natural.
Encargueime do desenvolvemento web e da construción desta carta interactiva en colaboración con Remedia, responsable da comunicación e doutras partes do proxecto. Inclúoa porque explica ben o que pode achegar unha web cando deixa de ser un simple escaparate e se converte nunha ferramenta útil para o funcionamento diario dun negocio: rápida para quen consulta, sinxela de actualizar e preparada para funcionar sen problemas no lugar onde realmente se usa.


