Somos Antü é un proxecto de intervención sociocomunitaria que acompaña familias, profesionais e persoas educadoras no desenvolvemento de competencias emocionais e educativas. Combina psicopedagoxía, neurociencia, intelixencia emocional e disciplina positiva en servizos para familias, formacións e programas para entidades.
Neste caso, a interface tiña que facer algo máis ca ordenar os servizos.
Tiña que transmitir a calidez, a proximidade e o coidado que forman parte da súa maneira de traballar. A identidade visual, inspirada en Antü e na imaxe do sol, trasládase á web mediante unha paleta entregada polas clientas que é cálida, con formas suaves, fotografías acordes e unha composición que acompaña a lectura sen perder claridade nin profesionalidade.
Ademais da presentación corporativa, a web incorpora diferentes contidos dinámicos: un blog divulgativo, un portfolio cos obradoiros e proxectos realizados e un club de lectura pensado como parte da comunidade que se constrúe arredor da marca.
Encargueime da proposta de interface e do desenvolvemento web, adaptando a identidade corporativa a unha estrutura atractiva, clara e preparada para seguir incorporando contidos. Inclúoa porque demostra que a estética dunha web non debería estar separada do que a marca representa.


