Viveros Borrazás é un viveiro situado en Bergondo con máis de 26.000 metros cadrados dedicados a árbores, arbustos, froiteiras, plantas ornamentais e exemplares singulares. A web anterior necesitaba unha renovación que presentase mellor tanto a dimensión do negocio como os servizos que ofrece a particulares, profesionais e institucións.
Pero o elemento central do proxecto é o catálogo.
Centos de referencias vexetais pasaron a estar organizadas como fichas independentes, identificadas polo seu nome común e científico e clasificadas por familias e categorías. O buscador e os filtros permiten localizar unha especie concreta ou explorar o catálogo por tipos de planta, evitando que toda esa variedade quede reducida a unha listaxe interminable.
Encargueime do redeseño e do desenvolvemento da web, construíndo unha interface ampla e atractiva para presentar o viveiro, a súa historia e servizos como a venda de arbolado, o alugueiro para eventos e rodaxes ou o mantemento de xardíns.
Inclúoa porque representa ben o que pode achegar unha web a un negocio cun catálogo moi extenso. Non se trataba só de mellorar a aparencia da páxina anterior, senón de converter centos de referencias nun recurso ordenado, ampliable e realmente útil para quen busca unha planta concreta.

