Fala.gal é unha plataforma en liña que permite crear de balde un blog ou sitio web cun dominio .gal, sen necesidade de saber programación, deseño web nin administración de servidores.
Cada persoa pode escoller o nome do seu sitio, crear páxinas, publicar artigos, subir imaxes e adaptar o deseño a partir de modelos predefinidos. A plataforma tamén ofrece guías e titoriais para acompañar a quen nunca creou unha web.
Desde a súa posta en marcha validáronse 463 sitios e rexistráronse 476 persoas usuarias. Na actualidade, moitos deles continúan publicando de forma recente, xerando contido novo en galego e ampliando a súa presenza nos buscadores e na rede.
Porque publicar en Internet continúa tendo barreiras.
Hai que contratar un dominio, buscar aloxamento, instalar ferramentas, aprender conceptos técnicos e decidir entre servizos pensados case sempre para o castelán ou o inglés. Fala.gal elimina boa parte desa fricción e permite empezar directamente en galego.
O proxecto tamén axuda a que existan máis sitios, textos e persoas publicando baixo un dominio .gal. Cada novo blog amplía a presenza da lingua nos buscadores, xera contido indexable e demostra que o galego tamén serve para falar de tecnoloxía, cultura, educación, vida persoal ou do que lle pete a cadaquén.
As redes sociais están moi ben para chegar a xente, compartir e crear comunidade. Pero seguimos publicando en plataformas de empresas transnacionais con intereses que non sempre coinciden cos nosos. O contido non é realmente teu: poden limitar o alcance, pechar unha conta, cambiar as regras ou borrar anos de traballo dun día para outro.
Nun blog ou nunha web propia é diferente. O espazo é teu, o contido é teu e non dependes do algoritmo nin da vontade dunha corporación. Por iso tamén importa Fala.gal: porque axuda a que máis persoas teñan unha casa propia en Internet, en galego e baixo un dominio .gal.
Non todo o mundo necesita facerse creador de contido profesional.
Pero todo o mundo debería poder abrir un espazo propio en Internet e facelo na súa lingua.
Levo a parte técnica e a evolución estratéxica da plataforma: infraestrutura, desenvolvemento web, mantemento, seguridade, validación de sitios e melloras para que calquera persoa poida crear e xestionar o seu blog sen coñecementos técnicos.
O meu papel é reducir a distancia entre ter algo que contar e ser capaz de publicalo en galego en Internet