Instalar WordPress é sinxelo. Subir unhas fotos tamén. Escribir catro frases, escoller cores e contratar un aloxamento de tres euros non parece demasiado complexo. O problema chega cando esa suma de decisións improvisadas ten que representar un negocio, aparecer en Google e conseguir que alguén confíe nel.
Nesta charla repasamos, con retranca, dez formas moi eficaces de arruinar unha web: deixala nas mans do sobriño, subir imaxes directamente desde o móbil, escribir textos sen intención, escoller o hosting máis barato, instalar plugins sen criterio ou deseñar pensando só en que todo quede ben coloreado.
O obxectivo é entender que unha web non falla só porque sexa fea. Falla cando carga lenta, non explica nada, parece pouco profesional e fai que as visitas marchen antes de contactar. Porque aforrar en todo pode parecer unha grande idea ata que descobres canto negocio estás perdendo.