A edición completa do sitio permite crear con bloques moito máis ca entradas e páxinas. Tamén podemos deseñar cabeceiras, pés de páxina, arquivos e modelos específicos para tipos de contido personalizados, sen depender necesariamente dun maquetador externo.
Nesta charla explico como crear un CPT e dotalo dos campos necesarios para construír unha estrutura de datos útil. O exemplo é un directorio de monumentos de Pontevedra con información como descrición, historia, localización, autor, data de construción e imaxe destacada.
A partir desa base, veremos como crear co FSE un modelo visual propio para mostrar cada monumento, combinando bloques nativos con shortcodes ou ferramentas de contido dinámico. A idea é separar ben os datos do deseño e construír unha estrutura reutilizable, escalable e fácil de manter.