Categoría: Voluntariado
Rol: Desenvolvemento da web

Incendios .gal

Mapa colaborativo e aberto para localizar, documentar e compartir información sobre incendios forestais en Galicia a partir de testemuños, imaxes e avisos cidadáns.

Que é o proxecto?

Incendios.gal é un portal colaborativo de información aberta sobre incendios forestais en Galicia. Permite subir imaxes, engadir testemuños, avisar de estradas cortadas ou necesidades de axuda e xeolocalizar cada incidencia nun mapa común.

O proxecto naceu en 2025, despois dunha vaga de lumes na cal volveu quedar claro o mesmo problema de sempre: a información aparece repartida entre medios, redes sociais, grupos privados e comunicacións oficiais difíciles de reunir nunha visión global.

En Incendios .gal, os datos tamén están dispoñibles mediante unha API pública. Isto permite que outras persoas, medios, colectivos ou desenvolvedores poidan reutilizar a información e crear novas ferramentas a partir dela.

Nota: naturalmente non é un sistema de aviso de emerxencias. Só é un mapa de información pública.

Por que importa?

Porque Galicia non conta cun punto único público que reúna de forma clara e accesible toda a información sobre os incendios activos.

Cando hai varios lumes ao mesmo tempo, a información fragmentase. Ou ocúltase. Algúns reciben cobertura e outros apenas deixan rastro. As persoas que están vendo directamente o fume, o lume ou unha estrada cortada adoitan acabar compartíndoo nunha historia de Instagram, nun grupo de WhatsApp ou nunha publicación que desaparece ao pouco tempo.

Incendios.gal intenta poñer toda esa información nun lugar común, visible e consultable. Pero ten un reto enorme: non existe unha fonte pública da que importar automaticamente os datos. O mapa depende da participación da xente que está sobre o terreo e decide documentar o que ve.

Por iso non é só unha aplicación.

É unha infraestrutura cidadá que se volve máis útil canta máis xente participa nela.

Como participo?

Creei e desenvolvo o proxecto a nivel técnico: páxina web, mapa, sistema de publicación, xeolocalización, filtros, almacenamento de imaxes e API pública para a reutilización dos datos.

Tamén me encargo da evolución da ferramenta e de manter un principio básico: a información debe ser aberta, accesible e aproveitable por calquera persoa.

Incendios.gal non é un recurso oficial nin substitúe os servizos de emerxencia. Se ves un lume, o primeiro é chamar ao 085 ou ao 112. Despois, só despois e se queres documentalo, podes facelo no mapa.

Podes ver a entrada de Incendios.Gal no meu portfolio aquí.

Datos do proxecto

300
avisos publicados
30.000
visitas únicas
150.000
cargas da web

Algunhas imaxes