Orgullo Galego é unha comunidade dixital creada en 2016 para divulgar e poñer en valor a lingua, a cultura, a historia, a identidade e as tradicións galegas.
En dez anos converteuse na comunidade en galego máis grande de Internet, con máis de 500.000 seguidores nas redes sociais, preto de 180.000 só en Instagram e unha newsletter que chega cada semana a máis de 4.500 persoas.
O proxecto publica contidos de forma periódica, organiza directos en YouTube e Twitch, sube audios en formato podcast, entrevista persoas vinculadas á cultura galega e impulsa iniciativas arredor da música, a lingua, o patrimonio, a memoria, a natureza e a actualidade do país.
Premios e recoñecementos
Porque construír unha comunidade destas dimensións xa é difícil.
Facelo en galego, durante dez anos e competindo contra algoritmos pensados para linguas con millóns de usuarios, é outra historia.
Orgullo Galego demostra que hai público, interese e ganas de consumir contidos en galego cando se publican con constancia, personalidade e coñecemento da comunidade. Non como unha obriga nin como unha campaña puntual, senón como unha forma natural de estar en Internet.
O impacto do proxecto non está só nas cifras. Está en conseguir que o galego exista cada día nos teléfonos e computadores de centos de miles de persoas, apareza nos seus vídeos, nas súas conversas e nas súas rutinas dixitais.
Non abonda con dicir que o galego ten que estar nas redes.
Hai que crear para conseguir que realmente estea.
Orgullo Galego non sería o que é sen a constancia de Borxa Castro, o meu socio e a cara visible do proxecto. É el quen sostén o ritmo diario, crea e publica a práctica totalidade dos contidos e mantén viva a relación coa comunidade.
Eu encárgome principalmente da parte técnica e estratéxica: páxina web, tenda online, infraestrutura dixital, estratexias de newsletter e apoio na estratexia financeira do proxecto.
O meu papel é axudar a que todo ese impacto cultural teña detrás unha estrutura dixital capaz de sostelo e facelo medrar.
Podes ver a entrada de Orgullo Galego no meu portfolio aquí.