Vou ser honesto.
Medra.gal pecha.
Ou, mellor dito: pecha a etapa de Medra como proxecto de axencia, academia e espazo de cursos para lanzar negocios en Internet.
Os correos seguirán funcionando. Se alguén escribe a un enderezo de Medra, seguirei respondendo. Non desaparezo. Non deixo de facer webs. Non deixo de traballar con clientes.
Ao contrario.
Precisamente unha das razóns polas que Medra non acabou de coller forza é que a miña parte principal de negocio, o deseño e desenvolvemento de páxinas web para clientes, si funcionaba.
E funcionaba ben.
De onde viña Medra
Hai máis de dous anos decidín intentar algo novo.
Como sabes, xa levaba tempo traballando como deseñador web freelance, facendo páxinas web con WordPress para autónomos, pequenos negocios e profesionais galegos.
Tiña unha carteira de clientes sólida.
Tiña certo posicionamento.
Tiña experiencia real.
E pensei: imos intentar escalar un pouco isto.
Porque vender servizos funciona, si. Pero tamén ten unha parte moi clara: depende moitísimo das túas horas, da túa enerxía e da túa capacidade para estar diante de cada proxecto.
E iso desgasta.
Así que Medra naceu, entre outras cousas, coa idea de crear unha academia de cursos para persoas que querían lanzar ou mellorar o seu negocio en Internet desde cero.
Non foi unha ocorrencia dunha tarde.
Houbo traballo detrás.
Estudo de negocio. Proposta de valor. Estratexia. Análise de mercado. Definición de públicos. Moitas voltas. Moitas conversas.
Logo contactei con compañeiros do sector, persoas nas que confío e que saben cousas que eu non sei, para encargarlles diferentes formacións.
A idea era construír unha plataforma útil, práctica e con contido feito por profesionais.
O lanzamento
Lanzamos a academia combinando varias vías.
Por unha banda, a miña marca persoal, a miña base de clientes e a comunidade que xa coñecía o meu traballo.
Por outra, captación publicitaria. Fixemos o que había que facer.
Despois de meses de traballo, investimento, ilusión e probas, o proxecto non chegou a cumprir os seus obxectivos.
E aquí podería dicir moitas cousas:
- Que o mercado non estaba preparado.
- Que a xente non entendeu a proposta.
- Que era moi difícil vender formación en galego.
- Que competiamos contra plataformas enormes.
- Que o algoritmo.
- Que a crise.
- Bla bla bla…
Palabrería barata.
A verdade é máis simple e máis incómoda. E dicífil de aceptar: houbo erros de análise e execución pola miña banda.
O erro de fondo
Eu quería vender cursos para que outras persoas puidesen crear ou mellorar a súa presenza dixital.
Pero moita da xente que chegou a Medra non quería facer iso por si mesma.
Quería que llo fixese eu.
É dicir: “Anxo, isto está moi ben, pero eu non quero aprender a facer unha web. Quero contratarte para que ma fagas ti.”
E iso pasou varias veces.
A xente valoraba o meu criterio, a miña forma de explicar e o meu traballo. Pero non necesariamente quería converterse en alumna dunha academia para aplicar todo pola súa conta.
Quería contratar a solución.
Quería pagar e quitarse o problema de diante.
E iso, visto agora, ten todo o sentido.
Unha cousa é que a formación sexa útil.
Outra moi distinta é que sexa a solución que o mercado está disposto a mercar nese momento, dese xeito e a min.
O que non tiña preparado
Tamén houbo outro erro importante.
Eu non tiña unha newsletter forte, aberta e constante antes de lanzar Medra.
Tiña marca persoal, si.
Tiña clientes, si.
Tiña certo recoñecemento no meu nicho, tamén.
Pero non tiña unha lista de persoas interesadas de forma clara, recorrente e directa nese tipo de produto.
E unha academia online necesita iso. Necesita unha audiencia madura. Unha relación sostida. Unha comunicación constante. Unha comunidade que entenda o valor antes de que lle pidas que compre.
Non chega con abrir a porta e esperar que a xente entre.
A xente non estaba agardando por min cunha tarxeta na man.
A xente non está agardando por ningún de nós. E cando digo “a xente” tamén falo de nós, de ti e de min. Nós non agardamos a que outro lance algo para facelo rico. Só pensamos en nós mesmos: que imos sacar de proveito de aí.
Ademais, unha membresía ou unha plataforma de cursos necesita alimento constante. Contidos, actualizacións, campañas, seguimento, melloras, acompañamento, comunicación.
E aquí apareceu outra realidade: eu nunca deixei de facer traballo final para clientes.
Porque ese traballo seguía entrando.
Porque funcionaba.
Porque pagaba as facturas.
Porque, sendo sinceros, era o negocio que xa estaba validado.
Así que Medra necesitaba unha aposta moi forte, pero eu nunca cheguei a apostalo todo por ela.
E cando un proxecto precisa o 100% e ti só lle podes dar anacos, o máis probable é que non avance como imaxinabas.
O intento de darlle outra forma
Despois dunha primeira etapa como membresía, decidín darlle unha volta.
Puxen os cursos á venda de forma individual, sen subscrición.
A idea era reducir a barreira de entrada e facer o modelo máis sinxelo: escolles o curso que queres, compras e accedes.
Mellorou algo? Algo.
Colleu tracción suficiente? Non.
E chega un momento no que hai que deixar de maquillarse a realidade.
Podes seguir empurrando un proxecto por orgullo, por medo a recoñecer que non funcionou ou porque xa investiches cartos e tempo nel.
Ou podes parar. Mirar os datos. Mirar a enerxía que che leva. Mirar o que che devolve. E tomar unha decisión.
Pechar tamén é unha decisión de negocio
Ás veces gáñase.
Ás veces pérdese.
E ás veces nin sequera é tan dramático: simplemente probas unha vía, aprendes cousas e decides que non é por aí.
Houbo investimento de cartos, moitas horas e bastante ilusión. Parte dese investimento recuperouse indirectamente, porque algunhas persoas chegaron a min a través de Medra e acabaron contratándome unha web.
Pero a academia como proxecto escalable non funcionou como tiña que funcionar.
E xa está.
E agora vou engadir un bloque algo que quedaría moi ben en Instagram, as aprendizaxes do fracaso:
- Aprendes que unha boa idea non chega.
- Aprendes que unha proposta ben pensada non garante vendas.
- Aprendes que o mercado non ten por que mercar o que ti cres que necesita.
- Aprendes que ás veces non estás competindo só contra outras persoas, senón contra a inercia, a preguiza, a falta de tempo e a realidade diaria dos negocios.
- Aprendes que se xa hai xente moito mellor posicionada vendendo unha solución similar, tes que ter moi claro por que alguén debería escollerte a ti.
E aprendes tamén algo bastante importante: que a marca persoal non era o paso anterior a Medra.
Era o centro.
Volver ao que funciona
A conclusión non é que deixe de facer webs. A conclusión é a contraria.
Vou seguir facendo o que nunca deixei de facer: traballar con clientes finais, deseñar e desenvolver webs, axudar a negocios a presentarse mellor, ordenar a súa mensaxe e construír unha presenza dixital máis profesional.
Iso é o que me trouxo ata aquí.
Si, gustaríame construír modelos máis escalables.
Pero non a costa de manter aberto un proxecto que xa non ten sentido só porque un día lle dediquei moita enerxía.
Pechar tamén é respectar o teu propio traballo.



