Hai unha pregunta que deberías facer antes de instalar calquera plugin en WordPress.
Non é “canto custa?”. Nin “ten boas valoracións?”. Nin “úsao moita xente?”.
A pregunta é máis simple: necesito de verdade isto?
WordPress ten unha cousa marabillosa e perigosa ao mesmo tempo: podes engadirlle case calquera cousa.
Un formulario, unha galería, un chat, un popup, un sistema de reservas, un contador, un banner, unha animación ou un plugin que fai algo que igual poderías resolver cun bloque, cun axuste do tema ou cunha decisión un pouco máis sensata.
E claro, a tentación é enorme.
Ves unha funcionalidade, paréceche útil e instalas.
Outro día queres probar outra cousa e instalas. Máis adiante alguén che recomenda un plugin “imprescindible” e tamén o instalas.
Cando te queres decatar, a túa web ten 38 plugins activos, 12 que non sabes para que serven, 5 que duplican funcións e 3 que non se actualizan desde que Rosalía publicou Malamente.
E logo pasa o de sempre: a web carga máis lenta, a administración vai pesada, aparecen erros raros, unha actualización rompe algo, o formulario deixa de enviar ou o hosting empeza a protestar porque aquilo xa parece unha rave técnica.
Un plugin non é malo por existir.
Hai plugins excelentes e moitas webs profesionais funcionan grazas a eles. Eu mesmo teño algúns publicados.
O problema é instalar sen criterio, sen revisar se xa tes outra ferramenta facendo o mesmo e sen pensar no custo real desa decisión. Porque cada plugin engade algo máis ca unha funcionalidade: engade mantemento, actualizacións, posibles conflitos, peso e dependencia.
Antes de engadir un plugin, para dous minutos e revisa que problema resolve, se xa tes outro plugin facendo algo parecido, se podes resolvelo cunha función nativa de WordPress, se está actualizado, se ten soporte e se compensa o que achega fronte ao risco que mete.
Ás veces a mellor decisión técnica non é instalar máis.
É quitar.
Limpar.
Simplificar.
Deixar só o necesario.
Unha web profesional non é a que ten máis cousas. É a que funciona mellor, carga rápido, non se rompe cada vez que alguén toca “actualizar” e non depende de vinte pezas distintas para facer algo sinxelo.
Así que antes de instalar outro plugin porque “igual vén ben”, para un segundo.
Igual o mellor plugin é o que non instalas.



