A constancia é máis poderosa que o talento

Se viene chapa…

Eu sei que non son o mellor deseñador web.

Non son, nin por asomo, o mellor programador. Tampouco son o mellor en márketing nin teño a estratexia de captación máis brillante do mercado.

Teño as miñas cualidades, claro. Non estou dicindo que sexa malo no que fago. Pero tamén son quen de recoñecer as miñas debilidades e sei que non destaco especialmente entre todos os profesionais do meu sector.

Porén, despois de anos e anos como autónomo freelancer, aquí sigo.

E non foi por ser o mellor.

Foi por non desistir.

Obrigarse a saír da cova

Aínda que a algunha xente lle custe crelo, son unha persoa con moita vergoña. Ás veces, cunha vergoña bastante ridícula.

Entrar de primeiro nun sitio xérame incomodidade. Exemplo: entrar primeiro nun bar era algo que non era quen de facer. Falar con xente nova tamén. Chamar por teléfono segue sen facerme ningunha graza.

Cando comecei tiven que obrigarme a facer todo iso.

Tiña que saír da cova porque, dalgún xeito, tería que conseguir clientes. Fun a moitos eventos de emprendemento na Coruña. Fun ás meetups de WordPress. Achegueime a lugares nos que sabía que podía coñecer outras persoas e onde tamén estaban moitos dos meus posibles clientes.

Non estiven só. A Fundación Ronsel foi un dos piares naquela etapa inicial.

Daquela non vendía directamente nos eventos. Seguramente, mal feito. Agora entendo mellor iso que din algúns expertos: todo na vida é vender.

Non todo é unha transacción económica. Pero vendemos ideas, criterio e confianza. Cando falamos, cando presentamos o noso traballo ou simplemente cando outra persoa nos coñece, está a facerse unha idea de nós.

Xirar e seguir xirando

Fun constante traballando todos os días, intentando mellorar, facendo webs para min cando non tiña webs de clientes, acudindo a eventos e falando con xente aínda que me incomodase.

Probei mil millóns de cousas diferentes. Abrín e pechei outros tantos proxectos paralelos.

Tamén me tocou tragar moita merda.

Traballei a perdas. Non o recomendo nin quero presentalo como unha lección que todo o mundo deba repetir. Foi a miña experiencia e saquei aprendizaxes dela.

Con todo iso conseguín ter un traballo que me mantén.

Non por avanzar sempre rápido. Máis ben por ser coma un muíño que sempre ten auga e non deixa de xirar.

Xirar, aprender e mellorar. Descansar cando fai falta e volver xirar.

E xirar e xirar. Xirar sen parar.

Rápido, lento… pero non parar de xirar.

O talento pode facer que alguén empece moito máis adiante. Pero eu prefiro confiar na persoa que continúa cando as cousas se complican.

Porque eu non son o mellor.

Pero sigo aquí.

E ti, con constancia, tamén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Comparte:
Entradas recentes:
— Newsletter
Un email semanal para mellorar a túa web e o teu negocio
Ideas sobre WordPress, comercio electrónico, marca persoal, contidos e negocio dixital para autónomos galegos. Só criterio, experiencia e cero spam.
Entras e marchas cando queiras. Sen spam. Sen ceder datos a terceiros.