Vou dicir algo incómodo.
Moitas veces o problema non é que o teu prezo sexa alto. O problema é que non estás demostrando o valor suficiente para que ese prezo pareza lóxico, asumible e mesmo desexable para a persoa que tes diante.
E cando iso pasa, aparece unha horrible tentación:
- Baixar un pouco.
- Facer unha excepción.
- Aceptar unha condición que non che convence.
- Dicir que si cando querías dicir que non.
- Pensar: “se lle axusto algo o prezo, igual entra”.
Seguro que che pasou.
A min tamén.
O problema é que baixar prezos para conseguir unha venda pode parecer unha solución rápida, pero moitas veces é o camiño máis curto para o desastre. Non só porque gañas menos nesa operación concreta, senón porque acostumas o teu mercado, os teus clientes e a ti mesmo a pensar que o teu traballo é negociable ata o infinito.
E iso é perigoso.
Porque non só baixas unha cifra.
Baixas tamén a percepción do que ofreces.
E consigues peores clientes, pero ese será outro tema.
O prezo tamén comunica
Un prezo non é só un número. Tamén é unha mensaxe.
Cando rebaixas demasiado, cando cedes sempre ou cando pareces desesperado por pechar a venda, o cliente percibe algo. Percibe inseguridade. Percibe falta de límites. Percibe que igual aquilo que vendes non vale tanto como dicías cinco minutos antes.
Moitas veces os clientes abusivos non aparecen porque sexan malas persoas. Aparecen porque a túa marca, a túa comunicación ou a túa forma de negociar lles deixa a porta aberta. Se transmites desesperación pola venda, pouca firmeza, medo a perder a oportunidade e cero límites, haberá xente que simplemente ocupará todo ese espazo que ti deixaches libre.
E claro.
Se ti non lle dás valor ao teu traballo, non esperes que o faga sempre outra persoa por ti.
Competir por prezo é unha trampa
Moitos autónomos e pequenos negocios pensan que a única maneira de competir é ser máis baratos.
“Máis competitivos”, din.
Mentira cochina.
O problema é que sempre vai haber alguén máis barato ca ti. Sempre. Alguén que empeza. Alguén que non ten gastos. Alguén que non calcula as súas horas. Alguén que acepta calquera cousa porque precisa facturar esta semana. Alguén que aínda non sabe que ese prezo que acaba de poñer non lle dá nin para vivir nin para seguir atendendo ben aos clientes dentro de seis meses.
Se entras nesa carreira, non gañas. Só acabas máis canso, con peores clientes, con menos marxe e con menos ganas de seguir facendo ben o teu traballo.
O teu obxectivo non debería ser parecer máis barato.
Debería ser parecer máis valioso.
Que non é o mesmo.
A clave está en demostrar valor
Vale, non es unha marca de luxo.
Eu tampouco.
Pero se o que fas resolve un problema real, mellora unha situación, aforra tempo, evita erros, xera confianza ou axuda a vender máis, tes valor. A cuestión é se estás sabendo explicalo.
Porque a xente non paga máis só porque ti digas que es bo. Paga máis cando entende mellor o que recibe. Paga máis cando ve risco en escoller a opción barata. Paga máis cando confía. Paga máis cando percibe que detrás hai método, experiencia e criterio.
E iso non se improvisa nunha chamada de venda cando o cliente xa chega preguntando canto custa e comparándote con tres opcións máis. Constrúese antes.
Na túa web. Nos teus textos. Nos teus casos. Nos teus testemuños. Na túa maneira de presentar o traballo. No xeito no que explicas o proceso antes de que alguén teña que preguntar dez cousas básicas.
Conta mellor as historias
As historias venden porque fan visible o valor. Non fales só do que fas. Conta que problema tiña o cliente, que fixeches ti e que cambiou despois.
A xente entende mellor o valor cando pode verse reflectida nunha situación concreta. Non é o mesmo dicir “fago webs profesionais” que explicar como unha web axudou a un negocio a deixar de parecer improvisado, ordenar os seus servizos e recibir contactos máis cualificados.
O primeiro soa a frase de catálogo.
O segundo empeza a vender.
Ensina proba social
A xente confía na xente. Por iso os testemuños, recomendacións, casos reais e valoracións importan tanto.
Se outras persoas xa pagaron polo que fas e quedaron satisfeitas, iso reduce a desconfianza de quen aínda non te coñece. Non escondas esa proba social nun recuncho da web ao que non chega ninguén. Pon testemuños onde teñan sentido: na túa páxina de servizos, no portfolio, nas fichas de proxecto, preto das chamadas á acción.
Non para presumir.
Para reducir medo.
Non vendas só o servizo
Vende a experiencia completa.
A forma de traballar. A atención. O acompañamento. O seguimento. A tranquilidade.
O cliente non paga só polo entregable final. Paga tamén por non ter que perseguirte, por entender o proceso, por sentirse acompañado, por recibir respostas claras e por saber que hai alguén ao outro lado que se responsabiliza do traballo. Iso tamén é valor, aínda que ás veces custe máis explicalo ca enumerar tarefas nun orzamento.
E moitas veces é o que separa unha opción barata dunha opción profesional.
Pon límites nas negociacións
Este punto doe.
Porque moitas persoas queren vender máis, pero sen incomodar a ninguén. Sen dicir que non. Sen defender prazos. Sen defender prezos. Sen marcar condicións. Sen asumir que unha negociación tamén é parte da percepción da marca.
Así é moi difícil.
Non se trata de ser borde. Trátase de non ser o bo rapaz ou a boa rapaza que cede en todo para non perder a venda. A firmeza tamén comunica valor. Un cliente respecta máis a quen ten claro como traballa que a quen vai cambiando todo segundo a presión do momento.
Poñer límites é poñer valor.
Diferénciate ou prepárate para competir por prezo
Que te fai diferente?
A túa experiencia. O teu proceso. O teu trato. O teu sector. A túa especialización. A túa forma de entender o problema. A túa rapidez. A túa calidade. O teu criterio.
Algo ten que haber.
Se non sabes explicar por que deberían escollerte a ti, o cliente só pode comparar unha cousa: o prezo. E cando todo parece igual, gaña o máis barato. Ou o máis visible. Ou o que mellor aparenta.
Mala noticia se non es ningunha das tres.
Subir prezos non é poñer unha cifra máis alta e rezar
Subir prezos é unha das mellores decisións para mellorar a percepción da túa marca.
Pero non vai soa.
Non consiste en cambiar unha tarifa e esperar que todo o mundo a acepte sen máis. Tes que acompañalo con mellor comunicación, mellor posicionamento, mellores probas, mellor proceso e máis firmeza. Porque o prezo non vive illado. Vive dentro dunha percepción.
E se esa percepción é frouxa, calquera prezo parecerá caro.
Mesmo un baixo.
Así que antes de seguir rebaixando, mira outra cousa. Mira se estás explicando ben o valor do que fas. Mira se a túa web transmite confianza. Mira se os teus testemuños aparecen onde deberían. Mira se estás vendendo un servizo ou só unha lista de tarefas. Mira se negocias desde o criterio ou desde o medo.
Porque igual non necesitas baixar prezos.
Igual necesitas deixar de parecer barato.



