O pasado sábado 29 de agosto (2026) celebramos a terceira edición do Galicia WordPress Day no Clube de Campo e Tiro de Bonxe, en Outeiro de Rei.
E pasámolo moi ben!
Houbo WordPress, proxectos, conversas, xogos, comida para alimentar a media provincia e unhas cervexiñas que entraron estupendamente.
Porque un encontro de WordPress pode ter unha parte profesional, técnica ou formativa. Pero se queda só niso, fáltalle algo.
Fáltalle a comunidade.
Xa van tres edicións
Este foi o terceiro Galicia WordPress Day que organizamos en Lugo.
Tres edicións xa.
O que comezou como unha maneira de xuntarnos arredor de WordPress vai collendo forma de pequena tradición estival. Un día diferente ás meetups habituais, con máis tempo e sen présas, no que podemos falar, comer, xogar e pasar o día xuntos.
Porque o mellor destes encontros non está sempre no programa.
Está no que pasa entre unha actividade e a seguinte.

Comida, cervexas e bos debates
Nesta edición pásamonos de novo coa comida.
Volveu sobrar.
Mellor iso que deixar a alguén con fame, supoño, pero está claro que aínda temos marxe para mellorar os cálculos na cuarta edición (haberá 4ª edición?).
Entre a comida e as cervexas tamén saíron debates moi construtivos. Falamos de WordPress, de proxectos, de intelixencia artificial e dos problemas e decisións que aparecen no traballo diario.
Sen respostas preparadas para todo. Compartindo o que cada persoa sabe e tamén as dúbidas que temos.
O escape room wordpresseiro foi outro dos grandes momentos do día. Parecía que os equipos comezaban con pouco ánimo pero logo de cinco minutos, a vea competitiva saiu! Houbo que pensar, colaborar e demostrar canto sabemos de WordPress cando o coñecemento se converte nun xogo.
Foi todo un éxito.
A Comunidade non é só traballar
Cando falamos da Comunidade WordPress, ás veces parece que falamos unicamente de código, deseño, plugins ou oportunidades profesionais.
Pero a Comunidade tamén é relacionarse, coñecerse, apoiarse e pasalo ben.
É poder compartir unha dúbida, unha solución, un contacto ou unha experiencia. É recibir a quen chega por primeira vez. E tamén é sentarse a comer, tomar unha cervexa e falar de calquera cousa.
Por cousas como estas penso que o meu traballo é tan TOP. Polo que fago diante do ordenador, claro, pero tamén pola xente que coñecín grazas a WordPress e polos momentos que compartimos fóra da pantalla.
Vémonos nas meetups de WordPress Lugo
O Galicia WordPress Day rematou, pero a Comunidade non para aquí.
Este ano teremos as meetups de WordPress Lugo o último xoves de cada mes, agás en decembro. Son encontros abertos: non tes que ser desenvolvedor nin levar media vida traballando con WordPress para achegarte.
Podes consultar os próximos encontros en wplugo.eu.
Vémonos alí.
Ah, e non me esquezo. Tamén na WordCamp Galicia 2026. Merca a túa entrada!!






