Volvín estudar: matriculeime en Desenvolvemento de Aplicacións Web

Pois si.

Volvín estudar.

Matriculeime no ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Web (xD). Despois de máis de oito anos dedicándome profesionalmente ao deseño e desenvolvemento web… pois vou estudar desenvolvemento de aplicacións web.

E supoño que a pregunta é bastante evidente:

«Pero se xa traballas disto, para que te matriculas?»

Pois mira, non o sei.

Ou, polo menos, non teño unha única resposta.

Un pouco de incerteza

Agora mesmo teño unha boa posición profesional e creo que o meu proxecto avanza de maneira sólida ano a ano.

Si, métolle moitas horas. Un esforzo de carallo… mais polo momento vai dando os seus froitos. Toquemos madeira!!

Polo tanto, non decidín estudar porque vaia deixar o meu traballo, porque as cousas vaian mal ou porque queira cambiar de sector.

Pero quen sabe onde estaremos dentro de dez, quince ou vinte anos.

E si, supoño que detrás desta decisión hai tamén certa incerteza sobre o futuro. Non unha preocupación inmediata nin un medo concreto. Simplemente a conciencia de que as cousas cambian, a tecnoloxía cambia e o mercado laboral tamén.

Levo anos traballando nisto e teño experiencia. Pero non teño unha titulación específica que acredite esa parte do meu traballo.

Pode que nunca a necesite.

De feito, estou case seguro de que nunca a necesitarei. Como nunca necesitei a que teño. Pódoche dicir, querido lector, que teño a frioleira de 0 títulos na casa. Nunca os fun recoller. Non me interesan. Non me importan.

Mais non o sei.

Se cadra algún día é preciso. Por iso decidín facelo agora.

O papel, pero tamén o que poida aprender

Sería absurdo matricularme pensando que xa sei todo o que me van ensinar.

E tamén sería absurdo pensar que oito anos de experiencia profesional non contan para nada porque non teña un título que os acompañe.

Nin unha cousa nin a outra.

Quero conseguir esa acreditación, si. Quero ter un papel que poida servirme no futuro se nalgún momento o preciso.

Pero tamén quero ver que podo aprender durante o ciclo, independentemente do que xa saiba pola miña experiencia.

Porque dedicarse profesionalmente a algo non significa que deixes de ter cousas que aprender. Máis ben ao contrario.

Formarse forma parte do traballo

Nunha profesión como a miña, a formación continua non é opcional.

WordPress cambia. A programación cambia. O márketing cambia. A intelixencia artificial está cambiando unha parte importante do que facemos. Aparecen ferramentas novas, cambian os procesos e cousas que hai uns anos funcionaban perfectamente hoxe poden quedar curtas.

Por iso nunca deixei de aprender sobre WordPress, márketing, programación ou intelixencia artificial.

O ciclo é outra maneira de seguir facéndoo.

Máis formal, máis estruturada e, se todo vai ben, cun título ao final.

A ver que pasa

Este ano teño sete materias e pedirei a convalidación de catro.

O obxectivo é bastante sinxelo: aprobar, aprender e intentar sacar boas notas.

Entendo que a algunhas persoas lles poida parecer unha decisión innecesaria. Que despois de tantos anos traballando disto un ciclo non me vai descubrir nada. Ou que a experiencia debería ser máis ca suficiente.

Pode ser.

Pero aí vou.

Non sei se acabará sendo unha decisión moi útil para o meu futuro profesional ou simplemente unha experiencia da que sacarei algunhas aprendizaxes. En calquera dos dous casos, creo que pagará a pena probalo.

Se vos parece interesante, xa irei contando como avanza.

E ao final do curso veremos se aprobei, que aprendín e se conseguín esas boas notas que agora digo que vou intentar sacar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Comparte:
Entradas recentes:
— Newsletter
Un email semanal para mellorar a túa web e o teu negocio
Ideas sobre WordPress, comercio electrónico, marca persoal, contidos e negocio dixital para autónomos galegos. Só criterio, experiencia e cero spam.
Entras e marchas cando queiras. Sen spam. Sen ceder datos a terceiros.