Que é WordPress e 8 razóns para usalo (por moito que os gurús da IA che digan que non)

Anxo Sánchez agardando para falar na WordCamp Galicia 2025.

Este é un artigo que era o típico que escribía todo o mundo hai anos.

Búscao e vas atopar outros semellantes a esgalla. Daquela, todos dicían o mesmo: que WordPress é marabilloso, que o usa medio planeta e que corras instalalo.

Eu mesmo escribín un hai anos.

A diferenza é que agora a tendencia parece cambiar.

Coa irrupción da intelixencia artificial, o son é outro: que WordPress non paga a pena, que é algo antigo, fosilizado, pouco máis que arqueoloxía dixital.

Que agora hai que facer as cousas con IA. Vibe coding da túa web. Que o que o peta é Astro ou a saber que outra cousa.

Mira. Deixemos de lado o hype.

Eu continúo montando en WordPress practicamente todo o que fago para os meus clientes. Por moito que haxa outras alternativas que, a priori, poidan ter cousas mellores.

Cóntoche por que.

Que é WordPress, sen romanticismos

WordPress é un xestor de contidos. Un CMS, polas súas siglas en inglés (content management system).

Traducido ao galego dos vivos: é o que che permite cambiar o texto da túa web sen chamar a ninguén. Podes subir artigos, editalos e borralos. Subir imaxes, editalas e borralas. Podes filtrar, categorizar e buscar.

Todo iso grazas ás ferramentas do CMS.

Pensa nunha cociña xa montada. Ti non fabricaches os armarios nin instalaches a placa. Chegaches, abriches a neveira e ala, a cear. Isto é igual: alguén montou a fontanería, ti só decides o menú.

O que non é: unha web rematada.

WordPress é son os cimentos do edificio. Pero o edificio hai que construílo.

Non pagas licenza, e iso pesa máis do que parece

É software libre. E código aberto. Non hai cota mensual por usalo.

Si pagas o aloxamento, o dominio e, se es listo, ao deseñador web quen cho monte ben. Pero a ferramenta en si non che cobra nada por existir.

Compárao coas plataformas de subscrición: alí, o día que deixas de pagar, a túa web apágase. Morre. Desaparece. Caput. Iso non che pasa aquí.

Podes escribir sen depender de ninguén

Esta é a razón real pola que llo recomendo á xente que empeza.

Se cada cambio de texto na túa web precisa un correo a un profesional e agardar tres días, acabarás por non cambiar nada. A web queda conxelada no día que se entregou.

Con WordPress entras, cambias o parágrafo e gardas. Aforra máis tempo do que pensas.

Sabes usar o Word? Pois a nivel de artigos do blog, é semellante.

Medra contigo

Empezas cunha páxina de presentación dun par de servizos.

Ao ano seguinte queres un blog. Ao outro, vender tres produtos. Despois, reservas con calendario.

Non hai que refacer nada desde cero en ningún deses saltos. A mesma instalación aguanta desde a web dun autónomo ata unha tenda con mil referencias.

Non é habitual. A maioría das plataformas obríganche a mudar de casa cando medras.

Se marchas, lévalo todo contigo

Esta é a que ninguén conta e a que máis me importa.

Os teus contidos, as túas imaxes e a túa base de datos son teus. Descárgalos e lévalos a outro servidor cando queiras.

Nas plataformas pechadas, exportar é entre difícil e imposible. Estás secuestrado. Ou, polo menos, os teus contidos están secuestrados. Non son teus. Son da plataforma.

A pregunta que hai que facerse antes de escoller ferramenta non é que fai, senón que pasa o día que queira marchar.

Non dependes dun profesional concreto

Nin de min.

Se mañá me canso, xubílome ou simplemente non che gusta como traballo, podes coller a túa web e levala a calquera outro. Hai milleiros de persoas que saben tocar WordPress.

Iso, para un cliente, é seguridade. Para min é competencia. Non che vou vender o contrario.

Con todo, é a maneira honesta de traballar.

Hai un plugin para case todo

Os plugins son extensións. Programiñas que instalas e que engaden unha función concreta: formularios, reservas, tenda, copias de seguridade.

E ollo, porque este é o punto onde máis xente se estampa.

Que exista un plugin para todo non significa que debas instalalos todos. Cada un é código de terceiros correndo na túa web. Trinta plugins son trinta cousas que poden romper cunha actualización.

Poucos e bos. Sempre.

Xoga ben co SEO

Non porque WordPress posicione só, que non o fai, e quen cho diga está a venderche algo que non é.

Pero dáche o control de todo o que Google mira: os títulos, as descricións, as URL, a estrutura de encabezados, os datos estruturados, a velocidade. Noutras ferramentas tocas só o que che deixan.

Vai seguir aí dentro de dez anos

WordPress está perdendo algo de cota de mercado.

Algo.

E xa hai xente que o quere enterrar.

Pero segue movendo o 41,5 % de todas as webs do mundo e preto do 60 % das que usan un xestor de contidos. Nun sector onde as ferramentas de moda duran tres anos, ser o lider durante tanto tempo por algo será.

Cando falamos da web do teu negocio, o que queres é certidume de longo prazo. Non a moda do momento.

Cando che digo que non o uses?

Porque non sempre WordPress é a mellor solución.

Se cadra para cousiñas sinxelas que nin un portal web precisan, hai opcións máis simples e máis baratas.

Se non tes a menor intención de manter nada, nin actualizacións, nin copias, nin revisar que non se rompese algo, unha web desatendida acaba sendo un problema de seguridade.

E se o teu negocio é vender en marketplaces e non che interesa ter tenda propia, dáche igual.

O resto do tempo, sigo sen atopar unha razón para cambiar.

* Imaxe destacada de Roberto Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Comparte:
Entradas recentes:
— Newsletter
Un email semanal para mellorar a túa web e o teu negocio
Ideas sobre WordPress, comercio electrónico, marca persoal, contidos e negocio dixital para autónomos galegos. Só criterio, experiencia e cero spam.
Entras e marchas cando queiras. Sen spam. Sen ceder datos a terceiros.