Hai axustes en WordPress que podes cambiar cando queiras. A cor dos botóns, o texto do pé, o modelo da portada.
Este non. Así que ollo con iso.
As ligazóns permanentes decídense antes de publicar nada. Se as tocas cunha web en marcha, rompes as URL que xa coñece Google.
E as que a túa xente gardou nos favoritos.
E antes de continuar aclároo porque senon sabes isto non vas entender o resto do artigo.
Póñoche aquí o criterio que uso eu para decidir á primeira. E cóntoche o arranxo se xa chegas tarde.
Imos por partes.
Que é unha ligazón permanente
Antes de continuar e para aclararlo: en WordPress URL e ligazón permanente (permalink en inglés) en esencia son o mesmo.
A URL é a dirección web única que identifica e localiza algo nunha páxina web (páxina, imaxe, documento…). A nivel cotiá poderiamos dicir que ligazón é un sinónimo de URL.
É o conxunto de palabras da barra do navegador que identifica ese contido para sempre.
Pensa nela como o enderezo postal da túa casa. Se mudas de rúa sen avisar, o carteiro segue levando as cartas á porta vella.
Na web, esa carta perdida chámase erro 404. Cada un é unha visita que marcha e un sinal feo para Google.
Por exemplo, a ligazón permamente deste artigo do blog é anxosanchez.com/ligazons-permanentes-en-wordpress e está formado polo dominio (anxosanchez.com) e o slug (ligazons-permanentes-en-wordpress).
Onde se configura
En Axustes -> Ligazóns permanentes, dentro do escritorio de WordPress. Aí escolles a estrutura que se aplica a toda a web.

As seis opcións para as ligazóns permamentes de WordPress
WordPress ofréceche seis opcións. Vou rápido, que a decisión é máis sinxela do que parece.
- Simple: un número de ID e pouco máis. A URL máis curta e unha das máis inútiles.
- Día e nome: a data completa diante do título. Só lle vexo sentido nun medio de novas.
- Mes e nome: o mesmo sen o día. O clásico de Blogspot.
- Numérico: o ID con outra roupa. Aínda hoxe non sei para que existe.
- Nome da entrada: o título na URL, curto e lexible.
- Personalizada: constrúes a URL con etiquetas (data, categoría, autor). Para casos moi concretos. Por exemplo, a opción desta web.
O que fago eu
Eu adoito recomendar Nome da entrada en todas as webs que monto. Sempre. Non atopei moitos motivos para cambiar, agás que teñas un blog grande ou queiras estruturar o contido doutro xeito.
Despois, ao crear cada páxina ou entrada, acurto o slug á man desde o editor. Fóra artigos, preposicións e todo o que non aporta nada.
Esta mesma entrada é o exemplo: título longo, URL curta. Queda en ligazons-permanentes-wordpress.

Nin datas nin categorías na URL.
A data avellenta o contido aínda que o actualices. E a categoría átache: se reorganizas o blog, a URL cambia con el. Isto só lle vexo sentido nun medio de comunicación ou revista dixital moi grande.
Se a túa web xa está publicada
Cambiar a estrutura agora ten prezo: cada URL vella precisa unha redirección 301 cara á nova. Sen ela, quen chegue á ligazón antiga atopa un 404.
Seino porque eu tamén pasei por esas.
Cando se muda o dominio, cando se reescriben artigos ou cando se redeseña unha web, en moitos casos as URLs cambian. E hai que redireccionalas. Cada un leva a súa redirección 301.
É un traballo aburrido. Pero esa autoridade acumulada é a única herdanza SEO que hai, e non se debe tirar.
E se non che compensa a molestia, quédate coa estrutura que tes. Unha URL fea que funciona é mellor ca unha bonita que dá 404.
En que quedamos
Marca Nome da entrada o día que instalas WordPress e esquece ese axuste. Acurta o slug en cada publicación.
E se algún día cambias algo cunha web en marcha, xa sabes: redirección 301, sen excepcións.
Por certo.
Na miña newsletter mando isto mesmo: un problema concreto e como o resolvo eu. Apúntate! Escribo unha vez á semana e non hai máis.



